Na súa trixésimo terceira reunión, celebrada en París o 5 de outubro de 2005, a Conferencia Xeral da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) aprobou a resolución na que se proclama o 27 de outubro de cada ano o Día Mundial do Patrimonio Audiovisual.
Con esta decisión, a UNESCO persevera na súa política para a preservación do patrimonio audiovisual mundial, iniciada en 1980 coa Recomendación sobre a salvagarda e a conservación das imaxes en movemento, e invita os estados membros da UNESCO, as comisións nacionais, as organizacións non gobernamentais e as institucións públicas e privadas (escolas, arquivos, museos, asociacións culturais, organizadores de festivais e asociacións de artistas creadores e intérpretes ou executantes, así como outras institucións capaces de sensibilizar o público e lograr o recoñecemento da importancia dese patrimonio) a que prevexan modalidades adecuadas para a celebración dese día e colaboren de acordo coas súas posibilidades.
O obxectivo é contribuír á conservación do patrimonio audiovisual mediante a sensibilización do público con respecto a este tipo de bens culturais. Os bens culturais do patrimonio audiovisual constitúen un tipo moi concreto de patrimonio cultural característico das actividades do mundo contemporáneo. O patrimonio audiovisual, especialmente aquel filmado polos particulares, é, con frecuencia, un testemuño de primeira man do desenvolvemento económico, político e social e da diversidade das culturas. Ao mesmo tempo, é un dos bens culturais máis vulnerables e que necesita unha atención especial.
Ignacio Benedeti Cinema con o programa A NOSA MEMORIA INQUIETA proponse seguir as directrices da UNESCO e contribuír a salvar para a posteridade filmacións en formatos de cine feitas o arquivadas en Galicia ou por galegos. A NOSA MEMORIA INQUIETA, iníciouse en 2007, aproveitando a conmeración do LXXV Aniversario do Cine de 8 mm.
A NOSA MEMORIA INQUIETA
O segundo domingo de agosto de 2007 fixo 75 anos da introdución, en 1932, da película de cine de 8 mm. Aínda que a película de 8 mm se segue fabricando hoxe en día (en case todas as súas modalidades), principalmente para o seu uso por profesionais ou en escolas de cine, durante moitas décadas do século pasado, antes da chegada do vídeo, miles de cámaras vendidas en toda Galicia, e millóns en todo o mundo, filmaron en 8 mm todo tipo de escenarios, desde películas familiares sen elaborar ata obras premiadas internacionalmente, como as do cineasta galego José Ernesto Díaz-Noriega (restauradas e dixitalizadas por IB Cinema).
Pode afirmarse que nas películas de 8 mm está recollida a memoria cotiá do século XX. Desafortunadamente, moitas destas películas deterióranse esquecidas en rochos, áticos ou sotos, pois, mentres as filmotecas se concentraron en salvar parte da produción profesional en 35 mm, esquecéronse, no ámbito mundial, dos formatos de cine non profesionais nos que se atopa filmada boa parte da nosa historia cotiá. Como razoa Martin Scorsese: “Salvar o noso patrimonio cinematográfico non debería estar unicamente circunscrito ás películas producidas comercialmente. As películas de cine afeccionado non só capturan importantes momentos das vidas privadas das nosas familias, senón que son tamén documentos históricos e culturais. Recordemos a película de 8 mm máis vista do mundo: o asasinato do presidente Kennedy, filmada polo afeccionado Abraham Zapruder . Ou as famosas escenas de Frida Kahlo e Diego Rivera filmadas por Nickolas Muray. Imaxinemos que diferente sería a nosa memoria histórica sen estas valiosísimas películas. Eu encarezo a que se fagan actividades en todo o mundo dedicadas a coidar e preservar as películas de 8 mm, para que a xente saiba como o cine de paso estreito axudou a capturar a historia do século XX” (sic).
Todo este legado filmado en 8 mm durante o século XX, con valiosas imaxes irreemprazables, atópase en perigo, tanto pola conservación en condicións e lugares inadecuados como pola carencia dos equipos requiridos para a proxección. Hai moita xente que posúe nas súas casas, en Galicia e en calquera outra parte do mundo, vellas películas familiares tan importantes como as de Abraham Zapruder que non se coñecen, pois os seus propietarios non as consideran relevantes. Pero para os historiadores e sociólogos cada fotograma destas películas esquecidas é un tesouro do pasado.
O lamentable é que nun futuro próximo —segundo os expertos da UNESCO—, unha gran parte desta memoria colectiva filmada en 8 mm perderase inevitable e irreparablemente. Esta perda terá lugar sen que a sociedade se decate diso, debido a que a súa deterioración non é como a doutros tipos de herdanzas (por exemplo, os edificios históricos), facilmente percibida polo público. É precisamente esta falta de sentido de perda física e inmediata, relativa ao material cinematográfico privado, a que contribúe á falta de conciencia e á ausencia de medidas oportunas. Certos arquivos fílmicos de titularidade pública, en Galicia, tamén se atopan en perigo.
Hoxe en día existen novas solucións técnicas que garanten a longa preservación, o acceso e a reutilización destas filmacións feitas por particulares, como a transferencia a formatos dixitais logo da restauración dos soportes cinematográficos, cunha calidade inimaxinable ata hai ben pouco, grazas á dispoñibilidade de telecines que escanean fotograma a fotograma os minúsculos fotogramas de 8 mm.
Esta campaña de recuperación A NOSA MEMORIA INQUIETA atópase permanentemente aberta para institucións.